HONDURAS | www.xacobe.tk
Xacobe Meléndrez Fassbender. Galego nacido en 1963 en Tegucigalpa (HONDURAS), traslada-se dous años despois a Galicia, terra paterna, onde reside dende entón.
Dende o ano 2000 expón regularmente – máis dun centenar de exposicións tanto individuais como colectivas, nacionais e internacionais, (China, México, Italia, Escocia, Francia…)- e participa como ponente en distintos eventos fotográficos.
Utiliza principalmente a fotografía como medio artístico, pero tamén a instalación e o videoarte. Neste último camiño, nos últimos anos, é destacable a súa participación, con proxeccións en directo, en concertos de música contemporánea.
Forma parte do colectivo “arTeu, arte+sociedade”, que busca novos camiños para a comunicación artística, e realiza numerosas convocatorias nas que exerce de curador.
Colaborou activamente como coordenador do Outono Fotográfico, baixo a dirección de Benito Losada.
Periódicamente ten publicado crítica de arte na prensa e tamén en programas de radio.
Coincidindo co IN Vilagarcía ten unha exposición na sala NORMAL da Coruña, na que baixo o título “O teu, O meu…” analiza os lindes entre o individuo e a sociedade.
EXPOSIÇÃO: BERROS NO RONCAR DAS ONDAS
© Xacobe Meléndrez Fassbender
A costa, máis aló de marcar unha fronteira entre a terra e o mar, é metáfora e realidade do encontro entre o home e a súa contorna. Sinal de identidade da xeografía galega e paradigma do seu encontro coa sociedade.
Alí onde rompen as ondas di o mariñeiro que o mar berra, e o noso poeta (Bernadino Graña) pon palabras aos seus bramidos de paisón, esperanza e denuncia. E cando o mar fala polos seus versos, encoraxado pola especulación, a contaminación ou o desleigamento, chama-o o bardo para que asulague coma un tsunami esta especie esquilmadora, destructora e egoista, que só pensa no propio e no momento, desprezando a súa característica inicial de intelixencia coa que poder relacionar unha acción coa súa consecuencia a través do tempo.
A man do fotógrafo a súa ollada, a súa mente poñenlle imaxe as iconas líricas adoptando o ponto de vista dese organismo vivo que é o océano. Estratexia que se demora na visión dunha paisaxe humanizada, para gloria e vergoña dos seus actores e sufridores a un tempo.
“Berros no roncar das ondas” tenta xuntar a voz do sentemento e a mirada para reforzar o seu inquerimento. Quen somos? O que facemos? Que ficará do noso paso fugaz no tempo? Vida, coma nós mesmos, ou morte como o resto do noso sentempo.
Esta exposición ten sido pendurada nos balcóns de numerosos concellos Galegos, en Portugal estivo en Avintes e en Afurada, na súa versión de museo en Porto, tamén no Aquarium Finisterrae Da Coruña, na Galería Visol de Ourense, en Barcelona, Colombia… Ten asociado unha peza de videoarte estreada no Museo Galego de Arte Contemporánea “Ferido busco o teu mar”, e o Colectivo arTeu editou o libro que leva o título da exposición e poemas de Bernardino Graña.